Nun contexto de rápidos cambios, o mercado de traballo está a experimentar unha crecente demanda de profesionais que sexan capaces de analizar a realidade social, política e económica e de empregar ese coñecemento no deseño de políticas públicas, proxectos empresariais ou servizos sociais. O Máster en Métodos de Investigación e Análise Social (MIAS) da Universidade da Coruña dá resposta a esta nova demanda ofrecendo unha formación avanzada nos principais métodos e técnicas de recollida e análise de datos sociais.
O MIAS pretende formar profesionais cun profundo coñecemento dos fundamentos e o deseño dos procesos de investigación social, un manexo experto das técnicas de produción e análise de datos sociais e experiencia no uso desas análises para asesorar empresas, administracións públicas e entidades do terceiro sector na toma de decisións estratéxicas. O máster dota o alumnado destas ferramentas especializadas e transversais co obxectivo de que sexa capaz de alcanzar o máis alto nivel de esixencia nos campos profesionais que configuran o novo mercado laboral, e achegando valor engadido ao seu traballo.